A mocidade dille si á terceira dose: ‘Toca facelo pola familia e os amigos’

VILAGARCÍA> Comezou a vacinación coa terceira dose aos mozos de entre 18 e 29 anos. Están recibindo o combinado de Pfizer. En Vilagarcía, hoxe, no recinto de Fexdega, moi pouco ambiente. Os sanitarios explícannos que moitos mozos non están acudindo á súa cita, por traballo ou estudos. Contan con que acudan á repesca durante a fin de semana.

A previsión para hoxe do Sergas era vacinar coa terceira dose a preto de 700 mozos no recinto de Fexdega. Pero o certo é que esta xornada foi máis ben tranquila. Moitos dos citados de entre 18 e 29 anos non acudiron , ben por estar fóra estudando ou traballando. Ademais, hai outro factor. Moitos dos convocados están nestes momentos superando a enfermidade.

Esta mañá, desfilaban por estas instalacións paseniñemente moitos mozos e mozas que viñan pór a súa terceira dose. Neste caso, tocoulles Pfizer. Como ao resto das franxas, tamén se lles ofrece a posibilidade de vacinarse tamén da gripe, unha opción moi pouco popular entre a mocidade. Pero os sanitarios indican que poñe-las dúas doses ao mesmo tempo non supón padecer unha reacción máis forte.

Máis alá do arranque da campaña de reforzo para a mocidade, continúa en marcha a repesca para aqueles que non puideron vacinarse cando lles tocaba. As repescas continuarán ata finais deste mes, do mesmo xeito que a campaña de inmunización da franxa de 18 a 29.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí