Despois de dous anos de parón pola covid, regresa o Torneo Internacional Solidario Jealsa

BOIRO> Disputarase os días 28 e 29 de maio en Boiro e os beneficios irán a parar á Fundación Aladina, que traballa no coidado de nenos con cancro.

Julio Mariño, organizador e principal valedor do Torneo, traballa xa dende hai bastantes meses, no deseño da que será a quinta edición desta campionato de fútbol base para categorías benxamín e alevín.

A chegada da pandemia, e as dificultades para poder levar a cabo un torneo destas características, coa presenza de clubs de ámbito internacional, levou a ter que aprazar a súa disputa estes dous últimos anos.

A organización agarda poder contar cunha participación duns sesenta equipos sumando as dúas categorías. Ademais dos clubs máis representativos da zona, están confirmados xa equipos coma o Celta e o Deportivo da Coruña, así como o Porto e o Benfica ou Raio Vallecano ou Leganés, entre outros.

O torneo volverá a ter un fin solidario, xa que todo o recadado, irá destinado á Fundación Aladina, que traballa no coidado de nenos con cancro.

Como padriños do torneo repetirán Joselu Gómez, capitán do Racing de Ferrol, e Adrián Armental, nas filas do Atlético Sanluqueño, ós que se suma nesta edición o recoñecido cociñeiro, Kike Piñeiro.

A celebración deste torneo, un dos de maior prestixio dos que se celebran na zona, será posible tamén grazas as aportacións que realizan ó redor dunhas cen empresas e entidades colaboradoras coa organización como é o caso de Jealsa-Rianxeira ou Congalsa. Sen a súa axuda a súa celebración sería practicamente imposible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí