A Xunta asumirá a mellora da estrada entre Sanguiñal e Tállara

LOUSAME> A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse ó concello de Lousame para asinar coa alcaldesa, Teresa Villaverde, o convenio de colaboración que permitirá a mellora do firme do vial que une o Sanguiñal con Tállara. A Xunta destinará a esta actuación preto de cen mil euros.

En virtude do acordo asinado esta mañá, entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa, Teresa Villaverde, a Xunta asumirá o arranxo do firme da estrada que une o Sanguiñal con Tállara. A actuación, cun orzamento previsto de preto dos cen mil euros, responde a unha vella demanda do Concello, dando continuidade a outro proxecto levado a cabo en 2019, que permitiu tamén a reforma do vial municipal entre Portobravo e Tállara.

A Xunta asumirá o financiamento desta actuación, nun tramo de aproximadamente un quilómetro entre as interseccións das estradas provincias DP-1104 e DP-1105, mentres que o Concello farase cargo da licitación e da execución das obras.

As previsións que se manexan son que se poidan adxudicar os traballos esta primavera para poder executalos xa no verán. O prazo estimado de execución das obras sería dun mes, aproximadamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí