SOS Sanidade convoca para este xoves concentración no Salnés polo aumento das listas de agarda

VILAGARCÍA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha concentración para este xoves ás Portas do Hospital do Salnés. Desta volta, poñen o foco nas listas de agarda demandando á Xunta solucións. A protesta celebrarase de xeito simultáneo en distintos puntos de Galicia.

A Plataforma SOS Sanidade Pública volve saír á rúa. A convocatoria está prevista para este xoves para alertar do continuo aumento das listas de agarda. 

No Salnés, a concentración será o xoves ás 12 diante do Hospital Comarcal. Alertan que coa situación crítica na atención primaria, o servizo de urxencias estase vendo afectado.

Dende a Plataforma aproveitarán ademais para reivindicar, un verán máis, que a ambulancia medicalizada con base en Vilagarcía non marche para Sanxenxo.

Na concentración do xoves tamén participará o BNG.

Dende SOS Sanidade fan un chamamento a participar na protesta á veciñanza en xeral e profesionais sanitarios.