A Portela, arrecendo a nostalxia nunha estación na que xa case non paran trens

BARRO> Na estación da Portela, en Barro, xa case non paran trens e apenas hai viaxeiros. Aínda así, hai moita vida contra as vías grazas a unha cantina na que se dan cita veciños e amantes do ferrocarril. Por alí son moitos os que se achegan a tomar un café mentres sacan unha foto dun lugar ao que non lle falta detalle. Detrás da barra atópase Ana, unha muller que decidiu darlle un novo aire ao local para evita-lo seu peche.

Din que tódalas estacións de ten teñen o seu aquel pero na da Portela respírase un encanto especial. Por aquí xa apenas pasan trens, pero o aroma ao ferrocaril arrecende en cada café. As vías conviven coas mesas dunha cantina que ten moita historia detrás. Agora é Ana a que a traballa, antes foi a súa sogra. Os novos tempos trouxeron tamén un novo xeito de entende-lo negocio.

Así que Ana e os seus puxéronse mans á obra, para facer desta estación un lugar acolledor. De todo o espazo, a ela o que máis lle gusta é a terraza que ten contra as vías, ateigada de flores. Un lugar que, coa pandemia, permitiulle seguir adiante. Ademais dos veciños da zona, á Cantina achéganse moitas outras persoas atraídas pola nostalxía que se respira nesta estación que supera os 120 anos de vida.

Por aquí agora só pasan dous trens pola tarde, o que vai ás 7 e o que vén ás 9. Atrás quedaron as historias de maquinistas ou revisores. Os tempos cambiaron e trouxeron á Portela novas anécdotas daqueles que aínda empregan o tren que vai pola vía vella. Entre elas, Ana cóntanos a historia dun pai e o seu fillo.

Ana lamenta que estacións como esta perderan xa a súa razón de ser, coa chegada dos trens directos. Afórrase tempo, si, pero pérdense paradas únicas como esta da Portela na que nós hoxe si quixemos baixar.