BARRO> Jose Antonio Landín e dous dos seus concellos do Partido Popular de Barro deixan a formación e solicitan integrarse nun grupo político único como concelleiros non adscritos. A escisión dáse despois de que o PP provincial decidise crear unha xestora na vila presidida por Eduardo Ruadas. A solicitude farase oficial no vindeiro pleno que previsiblemente terá lugar a finais de xullo.
A fractura xa é total no partido popular de Barro. Aínda que dende a formación a nivel provincial tenderon a man a Landín e ao seu equipo para continuar traballando xuntos, o exalcalde e dous dos seus tres concelleiros decidiron rachar totalmente co partido popular.
Jose Antonio Landín, José Suárez e Emilio Martínez presentaron esta mañá un escrito no concello de Barro dirixido ao alcalde para comunicar o seu paso ao grupo de non adscritos dándose de baixa no grupo popular do pleno. Deste xeito, os tres edís integraranse nun grupo político único como concelleiros non adscritos.
A escisión do equipo de Landín é a súa resposta á decisión do Partido Popular provincial de crear unha xestora na vila presidida por Eduardo Ruadas. Unha decisión que o presidente da formación en Pontevedra xustificou como unha maneira de recuperar a ilusión e de volver a atraer a todos os afiliados e veciños de Barro a confiar no seu partido.
O cambio non gustou ao exalcalde nin ao seu equipo que tiñan a intención de presentarse de novo as eleccións do vindeiro ano, por iso decidiron presentar a súa dimisión. De feito, todo fai indicar que estarán presentes nas elección municipais do 2023 pero con outra formación. A páxina de facebook Barro Tv, caracterizada polo seu apoio ao partido popular, xa mudou os seus contidos mostrando o seu seguimento a XBarro, un novo grupo político, como tamén se indica na súa páxina de facebook, encabezado por unha foto na que se pode ver a Landín e ao seu equipo.
Coa súa dimisión, Jose Antonio Landín pon fin a corenta anos nunha formación pola que foi alcalde de Barro durante tres décadas. O Partido Popular queda só representado no concello de Barro por Alberto Diz, o único edil que continúa na formación.