BARRO> Pequeno indicio de esperanza para a veciñanza de Barro afectada pola orde de desafiuzamento trala reunión coa Sareb. Segundo explican os veciños, o banco está disposto a negociar o prezo das vivendas para unha posible venda. Os afectados polo de agora non se fían xa que advirten que esas promesas se non están escritas non valen nada.
As protestas e as manifestacións dos veciños de Barro afectados por dúas orde de desafiuzamento comezan a dar seus froitos. Finalmente a Sareb accedeu a reunirse con eles. O encontro tivo lugar este martes no concello xunto con representantes de Hipogest. O banco comprometeuse a negociar a venda das vivendas e dos baixos, pero aínda así os veciños non se fían.
A empresa continúa sen recoñecer que os afectados levan anos residindo nesas vivendas, pero polo menos pedíronlles desculpas. Para eles é un paso adiante.
A empresa comprometeuse a enviar un perito para valorar as vivendas e facerlles unha oferta de venda.
A veciñanza teme que a oferta sexa máis alta do normal, pero no caso de que iso aconteza, advirten que continuarán a vía xudicial.
A veciñanza agradece o apoio recibido por numerosos veciños e partidos políticos de toda a contorna, entre eles o concello de Barro e a subdelegación do goberno e lamentan que a xunta non se puxese en contacto con eles. Tamén advirten que mentres os acordos non estean por escrito continuarán mobilizándose. A seguinte manifestación terá lugar o venres ás 20 da tarde.