Éxito de participación nunha nova xornada de folga no sector da conserva en Barbanza

BOIRO> A praza do Concello de Boiro volveu a quedarse pequena esta mañá na concentración convocada de xeito conxunto polos sindicatos UXT, CC.OO e CIG. Os traballadores volveron reclamar un convenio xusto para o sector.

A de hoxe foi unha xornada reivindicativa, pero tamén de festa. Minutos antes das doce da mañá, hora prevista para o inicio da concentración, a praza do concello de Boiro foise ateigando de xente, na súa maioría traballadores das principais conserveiras da zona, pero tamén doutros familiares, amigos e veciños en xeral que, coa súa presenza, quixeron apoiar tamén as súas reivindicacións.

Dende a praza do Concello iniciaron unha mobilización por diversas rúas do casco urbano, para facer así visible tamén o seu problema. Unha manifestación que tivo como remate o mesmo punto de partida, cunha multitudinaria concentración, na que non faltaron pancartas e berros de consignas en contra da patronal á que lle esixen a negociación dun convenio xusto, que garanta, entre outros aspectos, melloras nas condicións laborais dos traballadores, e conseguir acabar tamén definitivamente coa fenda salarial entre homes e mulleres neste sector.

Dende a patronal apuntan a que seguen abertos ó diálogo, sorprendéndolles a convocatoria desta folga no preciso momento no que se estaban achegando posturas entre as partes. Así culpa ós sindicatos de provocar esta situación, que responde a máis a intereses partidistas, aludindo á proximidade das eleccións no sector, que será o vindeiro ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí