A Asociación Española contra o Cancro pon o foco nos factores que nos fan desiguais fronte ao cancro

PONTEVEDRA> Hoxe, 4 de febreiro, celébrase o Día Mundial Contra o Cancro. Unha xornada na que a Asociación Española Contra o Cancro quixo poñer o foco sobre as desigualdades que provoca esta enfermidade. Cuestións como o lugar de residencia, o nivel socioeconómico e incluso o xénero xeran importantes diferenzas á hora de enfrontarse a un diagnóstico oncolóxico.

O lugar onde vivimos, o noso nivel socioeconómico ou incluso o noso xénero son factores que entran en xogo ante un diagnóstico de cancro. A Asociación Española Contra o Cancro denuncia as desigualdades que se dan á hora de enfrontarse á enfermidade.

Hoxe celébrase o Día Mundial Contra o Cancro e a asociación publicou o primeiro informe sobre a inequidade desta enfermidade. Chama a atención sobre o problema económico: calcúlase que o cancro provoca un custo ao 41% das familias superior a 10.000 euros e case 30.000 pacientes non poderían asumir estes gastos.

Por iso, na súa nova campaña a asociación asegura que ‘Non todos somos iguais contra o cancro’. Por exemplo, acceder aos tratamentos pode ser máis complicado en función do noso lugar de residencia.

A campaña advirte incluso das desigualdades que se dan na prevención, determinadas sobre todo polo nivel socioeconómico.

A Asociación Española Contra o Cancro puxo en marcha tamén unha recollida de sinaturas para chamar a atención sobre estas dificultades. Poden asinar na web acuerdocontraelcancer.com.

Para intentar paliar estas dificultades e outras moitas ás que se enfrontan os pacientes oncolóxicos, dende a Asociación Española Contra o Cancro recordan que ofrecen numerosos servizos e axudas para os pacientes e as súas familias. De xeito completamente gratuíto.