PONTEVEDRA> Xa está en marcha a feira dedicada aos produtos artesáns e de proximidade de Pontevedra. Este mediodía inaugurouse a carpa do ‘Mellor da Terra’. Durante toda a fin de semana, 37 expositores achegarán aos veciños de Pontevedra os seus produtos, que poderán probar e, por suposto, mercar.
Os pequenos produtores teñen esta fin de semana unha oportunidade inmellorable para achegarse ao consumidor pontevedrés.
Dende este mediodía está aberta a carpa da feira ‘O Mellor da Terra’. Aquí danse cita 37 propostas do máis variado.
Iso si, cunha característica común: a súa aposta polo artesán, polo produto de proximidade.
Tamén os une o mimo que poñen nos seus proxectos. Todos levan a impronta dos seus creadores, diferenciándoos do resto de ofertas do mercado.
Algo positivo pero que tamén pode dificultar o seu acceso ao gran público. Aínda que cando os clientes escoitan o que teñen que dicir, saben aprezalo.
Precisamente, ‘O Mellor da Terra’ quere ser isto: un escaparate para os pequenos produtores.
En tan só dúas edicións, a cita xa confirmou que se trata dun formato de éxito. De feito os organizadores xa traballan na terceira convocatoria. Pontevedra terá ‘O Mellor da Terra’ para rato.