Boiro reforza a seguridade nos pasos de peóns con luminarias cebra

BOIRO> O concello de Boiro segue a traballar na mellora da seguridade viaria en todo o municipio. Con este obxectivo está a instalar luminarias cebra nos pasos de peóns máis conflitivos dos distintos núcleos de poboación.

As luminarias que está a instalar o concello de Boiro nun total de 20 pasos de peóns contribuirá a un importante incremento da seguridade nestas zonas. Trátase dun sistema de alumeado específico para estes pasos posto que conta cun indicador luminoso intermitente para chamar a atención dos condutores.

Ata o momento xa se teñen instalado estas luminarias ó longo da rúa Principal e nos próximos días estenderanse a outros puntos do casco urbano e das parroquias. O concello seleccionou aqueles puntos máis conflitivos e frecuentados onde a iluminación é insuficiente.