Continúa sen éxito a busca dun septuaxenario en Ribeira

RIBEIRA> Trátase de Manuel Pego Pego, natural do barrio de Santa Clara, en Deán. Desaparecía a última hora da tarde de onte. A súa familia alertou da súa falla, despois de ver que non regresaba a súa casa tras un dos seus habituais paseos diarios.

Un amplo dispositivo de busca no que toman parte Protección Civil, Grupo de Axuda a Emerxencias Municipal, efectivos das Policías Nacional e Local, así como veciños en xeral, trata de dar, dende última hora da tarde de onte, co paradoiro de Manuel Pego Pego, residente no barrio de Santa Clara, en Deán.

A busca céntrase nestes primeiros momentos nos arredores da propia vivenda e en lugares próximos a esta. Zonas que o septuaxenario, que presenta ademais un alto grao de discapacidade, empregaba habitualmente nos seus paseos diarios.

Na busca tamén colaboran integrantes da sección de sendeirismo da Asociación de Veciños de Carreira, que ampliaron a zona de rastrexo a outros lugares do Concello.

Pero a pesar da laboriosa busca, polo de agora nada se sabe do seu paradoiro. Co paso das horas, as esperanzas de atopar a Manuel Pego Pego con vida son cada vez máis escasas.

Nas redes sociais tamén se producen numerosas mostras de apoio e mensaxes a través das cales se solicita que calquera persoa que teña información ó respecto se poña o máis axiña posible en contacto co 112.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí