‘Vilalonga morre’: a veciñanza organízase para salvar a súa vila

SANXENXO> A veciñanza de Vilalonga, en Sanxenxo, está preocupada polo futuro da localidade. Din que leva anos morrendo, con cada vez menos negocios e menos xente pola rúa. Xa se reuniron co concello, pero ante a falta de iniciativas convocaron para este domingo unha xuntanza aberta na procura de solucións que devolven a vida á vila.

Este é o núcleo de Vilalonga, en Sanxenxo. A simple vista, unha zona de paso con moitas posibilidades para asentar un negocio. Pero a realidade é ben distinta: de un tempo a esta parte os negocios que había foron pechando e esta é agora a estampa habitual na zona. Veciñanza e colectivos sociais amosan a súa preocupación.

Unha mostra dese declive é a cantidade de baixos comerciais que agora colgan no seu escaparate o cartel de ‘alúgase’. Tamén a mocidade que, á hora de emanciparse escolle  outras zonas para vivir. Cren que este declive se debe a varios motivos. Entre eles, un PXOM que non lles favorece ou a falta de servizos básicos.

A veciñanza xa lle trasladou ao concello a súa preocupación. Lamentan que non se puxeran sobre a mesa iniciativas concretas e falta de vontade. Pero en Vilalonga decidiron colle-lo touro polos cornos e comezar a mobilizarse. Este domingo van organizar unha asemblea aberta na procura de solucións.

Esa xuntanza vaise celebrar ó mediodía nas gradas do Campo de Fútbol de San Pedro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí