Unha clínica de Vilagarcía falsificaba certificados de PCR e test de antíxenos

VILAGARCÍA> Unha clínica de Vilagarcía expedía certificados falsos de probas da covid. A Policía Autonómica acaba de desertalle-lo grupo, que tamén actuaba noutros puntos de Galicia. Os certificados contaban ademais co logo das clínicas e cun código QR, aparentando todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente carecía de validez legal.Hai tres persoas detidas.

A Policía Autonómica desartellou unha organización que proporcionaba aos pacientes certificados falsos de probas PCR e antíxenos. A práctica levábase a cabo nunha clínica de Vilagarcía e noutra da localidade coruñesa de Ames.

Polo de agora, no marco desta investigación hai tres persoas detidas e unha cuarta imputada. Entre eles figura o suposto líder da trama, que operaba dende O Milladoiro. Están acusados dun delito contra a saúde pública, organización criminal, falsidade documental, usurpación de funcións públicas, intrusismo, suplantación de identidade e estafa.

Os certificados falsos expedidos por estes centros contaban ademais co logo das clínicas e cun código QR, aparentando todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente sen validez legal.

Ningunha das clínicas contaba cos requisitos sanitarios para o seu funcionamento como centro sanitario e unha parte dos traballadores carecía da titulación sanitaria necesaria. Ademais facían firmar ao paciente un consentimento informado e un documento de Protección de datos.

O custo da proba oscilaba entre 30€, cando se trataba dun test de antíxenos, e 120€ se a proba efectuada era unha PCR.

A investigación iniciouse no pasado mes de xaneiro. A Policía Autonómica conseguiu documentar unhas 4.000 falsidades documentais dentro dos expedientes incautados nos rexistros realizados. Hai constancia de que a trama expediu un maior número de certificados, pero parte desta documentación foi destruída.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí