A Deputación amplía ata o 3 de decembro o programa MercaNaVila

BARBANZA> A Deputación da Coruña amplía ata o 3 de decembro o prazo de vixencia do programa MercaNaVila. A decisión atende así ás peticións formuladas por varios concellos , entre eles os de Noia e Boiro, e á Federación Galega de Comercio, que recolle as demandas das asociacións locais, debido ó éxito da iniciativa.

Segundo explicou o rexedor boirense neste tempo descargáronse uns 80 mil bonos e as vendas superan xa os 9,6 millóns de euros.

A ampliación do prazo de MercaNaVila permitirá ademais ós consumidores aproveitar o período das ofertas do Black Friday, conseguindo descontos adicionais, e anticipando tamén as súas compras de cara ó Nadal.

Os usuarios teñen de prazo ampliado ata o 3 de decembro para descargar o bono de 100 euros na web mercanavila.gal.

Serán un máximo de 100 euros por persoa, que poderán aplicar descontos automáticos de entre 5 e 15 euros, en función do importe de cada compra, sempre que se realicen nos establecementos adheridos ó programa.

Dende o concello veciño de Ribeira, aplauden esta ampliación do prazo, aínda que critican que se limitara única e exclusivamente esta iniciativa comercial a aqueles concellos da provincia de menos de 20 mil habitantes.

A alcaldesa, María Sampedro, pide que se modifique esta  cláusula, permitindo ós negocios de Ribeira poder beneficiarse destes bonos que, segundo ela, repercutirían positivamente no desenvolvemento económico do municipio.