Nenos e maiores vivirán en Ribeira un Samaín de medo

RIBEIRA> Ribeira quenta motores para celebrar o Samaín por todo o alto. O concello e a asociación Alfaia deseñaron un completo e terrorífico programa dirixido especialmente ós máis pequenos da casa.

O sábado arrancarán as celebracións do Samaín de Ribeira co festival Alfaia que subirá ó escenario a máis dun cento de nenos. Ó remate realizarán un desfile polas rúas de Ribeira que concluirá na carpa da praza de España que albergará unha exposición de terror.

Ademais destas actividades programadas principalmente para os cativos que poderán disfrutar de animación na carpa ata o luns, o concello deseñou tamén unha oferta máis ampla para público adulto. Por unha banda, a estrea de ‘Santa Compaña’ de Fernando Cortizo, o xoves 30 no auditorio así como a lectura dramatizada de Don Juan Tenorio que o grupo municipal de teatro preparou para o 1 de novembro.

Esta actividade, prevista inicialmente para as sete da tarde no cemiterio municipal, trasladarase ó interior da igrexa parroquial por mor das malas previsións meteorolóxicas.