VILAGARCIA> As Rías Baixas tínguense de morado para conmemorar o 8M. En todos os concellos da nosa contorna celebráronse actos para loitar pola igualdade entre homes e mulleres e poñer fin ao machismo. En Vilagarcía, o manifesto estivo centrado na loita pola igualdade laboral, con mención especial, ao convenio da conserva.
Como cada 8m, todos os concellos da nosa contorna tínguense de morado para conmemorar o día internacional das mulleres. As diferentes actuacións e actos están encamiñados a alzar a voz a favor da igualdade e loitar contra o machismo. Na capital do Salnés, a lectura do manifesto tivo lugar na praza de Ravella, asistindo á cita máis de 50 persoas.
A encargada de ler o manifesto foi a xornalista de radio Arousa Montse García. O texto estivo encamiñado a loitar contra a discriminación laboral, con mensaxe especial para o conflito polo novo convenio da conserva.
Dende Vilagarcía non se esqueceron da Guerra de Ucraína e da difícil situación que está atravesando todo o país, e quixeron estender este 8m á loita pola paz e a xustiza en todo mundo.
A concelleira de igualdade tamén matizou que aínda que pouco a pouco se van dando pasos, os avances son moi lentos, e que non se debe baixar a garda para non retroceder, especialmente cando hai partidos e colectivos de extrema dereita que negan a violencia de xénero.