O artista G-Face ofrecerá un concerto no marco das Festas do Nazareno

A POBRA> A Pobra quenta motores para unha das súas festas máis destacadas: o Nazareno. As celebracións comezarán este venres co pregón a cargo da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra. Entre a proposta de actividades destaca un amplo cartel musical entre os que figura G-Face, artista emerxente cunha gran proxección, que actuará o sábado a medianoite na Praza Maior.

A Pobra despedirá o verán por todo o alto con catro días de festa na honra do Divino Nazareno. Aínda que os actos relixiosos centran boa parte da programación, coa procesión das Mortallas como evento central, a música tamén ocupa un lugar destacado. Orquestras de primeiro nivel entra as que figuran América, Panorama ou Combo Dominicano compartirán cartel con grupos xa consolidados como Monolius DOP e artistas emerxentes con cada vez máis sona como G-Face que actuará o sábado cun repertorio de temas propios do máis variado que non deixará indiferente a ninguén.

Será o seu último concerto como G-Face .A partir de agora adoptará o nome de Gabriel Fandi co que se sinte máis identificado nesta etapa da súa carreira na que camiña cara a madurez artística.

Ademais desta primeira xira na que está inmerso, este músico, cantante e compositor traballa xa noutros proxectos como unha colaboración cos Satélites e o lanzamento dun novo sinxelo que está a piques de ver a luz.

Para os que aínda non teñan o pracer de escoitalo, aquí vai un pequeno adianto co que, de seguro quedarán con ganas de máis.