PONTEVEDRA> A Denominación de Orixe Rías Baixas mantense forte nos mercados exteriores. O 2021 pechouse cun novo récord: 9,5 millóns de litros de viño vendéronse na exportación, case un 17% máis que no 2020. Tras superar o Brexit, os aranceis e practicamente a pandemia, enfróntanse agora a outro atranco: a guerra en Ucraína, sendo Rusia dun dos seus principais mercados emerxentes.
A Denominación de Orixe Rías Baixas continúa o seu crecemento nos mercados internacionais. No 2021 bateu un novo récord e un terzo da súa produción xa se consume na exportación.
Máis cifras. No 2021 vendéronse 12,6 millóns de botellas de Rías Baixas nos mercados exteriores, cun prezo medio de 5,93 euros por litro fronte aos 5,44 de 2020.
Estados Unidos e Reino Unido repiten como os mercados máis importantes para os viños da DO, superando os dous millóns de litros. Séguenlles Porto Rico, Irlanda e Países Baixos.
Na actualidade, o traballo no exterior de Rías Baixas afronta un novo atranco. A guerra en Ucraína afecta ás vendas na exportación. Rusia foi o ano pasado o décimo primeiro mercado máis importante, con 200 mil litros mercados.
Aínda que en menor medida, Ucraína tamén estaba a medrar como receptor dos viños de Rías Baixas. Polo de agora, o Consello Regulador xa freou as actividades promocionais previstas para Rusia.
A pesares desta aposta polos mercados exteriores, dende a DO insisten na importancia dos seus mercados naturais: o galego e o español, fundamentais para manter o seu posicionamento.