PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra insta á Deputación a aclarar o futuro de Santa Clara. O goberno local apunta que hai un ano que non teñen noticias sobre o proceso de rehabilitación do conxunto conventual. A última nova chegou da man de Patrimonio da Xunta o 13 de febreiro de 2026, autorizando unhas escavacións arqueolóxicas para as que, aseguran dende o concello, a Deputación non presentou aínda solicitude de licenza.
Hai un ano que o concello de Pontevedra non ten noticias sobre o proxecto de rehabilitación do convento de Santa Clara por parte da Deputación.
Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo,a licenza de rehabilitación está paralizada dende febreiro de 2025. Foi a data na que o concello emitiu un requirimento á Deputación para que completara a solicitude que realizou en xullo do 2024. Dende entón, din dende o concello, houbo silencio administrativo do órgano provincial.
A última noticia que tivo o concello sobre Santa Clara chegou da man de Patrimonio da Xunta de Galicia. O pasado 13 de febreiro deste ano notificou á administración local a autorización autonómica para unha segunda fase de escavacións. Pero segundo Oubiña, nin se iniciou a solicitude de licenza nin se notificou o remate da primeira fase.
Agora o Servizo de Urbanismo remitiu un novo requirimento oficial á Deputación. Dan un prazo de 10 días hábiles para emendar os erros advertidos hai un ano e presentar a solicitude de licenza da segunda fase das escavacións.
Esta segunda intervención arqueolóxica autorizada por Patrimonio foi adxudicada en outubro pola Deputación por algo máis de 300.000 euros. O prazo de execución é de sete meses.











