Primeiro paso para a candidatura do marisqueo de Muros-Noia a Patrimonio Cultural da Unesco

MUROS> Primeiro paso para a declaración formal do marisqueo da ría de Muros Noia como patrimonio inmaterial da Unesco. Esta mañá tivo lugar a sinatura da solicitude de inscrición no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Con este acto de sinatura, desenvolvido esta mañá no salón de plenos de Muros, o marisqueo de Muros Noia inicia o seu camiño para ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. A inscrición desta actividade no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia supón o primeiro trámite formal para a presentación da candidatura.

Ademais dos alcaldes de Noia, Muros, Porto do Son e Outes asinaron o documento os patróns maiores das confrarías de Muros, Noia, Portosín e Porto do Son, pósitos que promoven a candidatura.

Unha vez asinada esta solictude o seguinte paso será a presentación de material complementario ante a Xunta de Galicia entre o que destaca o libro ‘Cultura do Marisqueo na ría de muros Noia’ presentado esta mañá no transcurso do acto pola súa autora Guadalupe Jiménez.

Unha vez conseguida a categoría de Patrimonio Cultural de Galicia elevarase a petición ó Ministerio de Cultura para que faga o propio ante a Unesco. Para incrementar as posibilidade da candidaturas española, os seus promotores levan meses traballando  coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca de Chile coa que se impulsará unha candidatura conxunta.