RIBEIRA> O PSOE de Ribeira presentou unha serie de alegacións ó Plan de Mobilidade Urbana Sostible do concello que se atopa en período de exposición pública. Recollen, en gran medida, as distintas iniciativas levadas a pleno nos últimos meses en materia de circulación e accesibilidade.
Entre as propostas suxeridas polos socialistas destacan o trazado e sinalización dos carrís bici nas zonas peonís así como a adecuación dos existentes eliminando posibles obstáculos. Demandan a este respecto que se regule o tráfico de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal nas vías peonís actualizando así a ordenanza municipal do Tráfico.
Dende o PSOE apostan tamén por potenciar os vehículos eléctricos coa instalación de puntos de recarga e bonificacións fiscais. Outra das propostas do PSOE pasa polo incremento da vixilancia policial ante posibles infraccións e a instalación de elementos redutores de velocidade ou a habilitación de dispositivos disuasorios como os lectores de matrícula.
Demandan tamén un reforzo da sinalización en todo o municipio así como o cumprimento da lei de accesibilidade, cuestións que poderían abordarse na mesa de peonalización que na actualidade apenas se reúne para facer un seguimento do PMUS.
Por último, os socialistas propoñen que o PMUS recolla o estudo realizado pola Fudación RIA para o desenvolvemento de lanzadeiras locais ata zonas de estacionamento conectadas por unha liña de autobuses eléctricos entre as localidades do Barbanza coa estación de tren de Padrón.