O BNG de Noia supedita o seu apoio ós orzamentos á execución de melloras na EDAR

NOIA> O BNG de Noia condiciona o seu apoio ós orzamentos municipais a que se habilite unha partida para melloras na depuradora. O PP rexeitou no Parlamento a proposta de investir 1’3 millóns de euros para garantir o correcto funcionamento da EDAR polo que instan ó goberno local a buscar un convenio coa Xunta para poder executar estas actuacións.

O pasado mes de xaneiro, a corporación noiesa aprobaba por unanimidade a proposta de melloras na EDAR por valor de 1,3 millóns de euros, como primeira das actuacións enmarcadas no Plan director de saneamento da Xunta. Sen embargo, o PP votou en contra deste investimento no Parlamento.

Con respecto á colaboración doutras administracións, o voceiro municipal lembra que son moitas as propostas en materia de saneamento acometidas con cargo ó POS provincial como as recentes melloras nos bombeos da Barquiña. Actuacións, todas elas, que non teñen sentido se non se garante primeiro o correcto funcionamento da EDAR.

Os nacionalistas consideran indignante a negativa da Xunta a realizar este investimento cando o pasado ano devolveu máis de 100 millóns de euros de fondos europeos destinados a saneamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí