VILANOVA> Vilanova defende a súa saída do xeodestino do Salnés. O alcalde Gonzalo Durán xustifica a inclusión do municipio no novo xeodestino Mar de Santiago, argumentando que Mancomunidade do Salnés está a marxina-lo seu concello dende o 2019. Di que a súa presidenta, á que volve tachar de ‘ilexítima’, carece de ideas e de estratexia turística para a comarca. Considera a comparecencia de onte de Marta Giráldez como un espectáculo que lle causa tristura, pena e vergoña.
Como era de agardar, o alcalde de Vilanova defendeu hoxe a súa saída do xeodestino do Salnés e a súa inclusión no de Mar de Santiago. Asegura que tomaron a medida ante a falta de iniciativa por parte de Mancomunidade e porque os seus produtos turísticos promocionan Vilanova de esgello.
Apunta que a unión de Vilanova con Catoira, Valga e Pontecesures xorde da discriminación que sofre o seu concello dende que Marta Giráldez é presidenta da Mancomunidade.
Pero non cre que esa discriminación que asegura sufrir sexa porque considere a Giráldez unha presidenta ‘ilexítima’. Insiste nese argumento.
Durán aproveitou para critica-la comparecencia de onte da presidenta da Mancomunidade, na que estivo arroupada polos alcaldes de Cambados e a illa e o concelleiro de turismo de Vilagarcía.
E lamenta o que considera ‘ameazas’ por parte de Marta Giráldez de repensa-la estratexia turística da Mancomunidade mantendo á marxe a Vilanova. En concreto, refírese ao futuro da Estación Marítima desta localidade, despois de que onte a socialista deixase entrever a implantación dun servizo semellante na Illa, Cambados ou Vilagarcía.