Nin a guerra de Ucraína consegue poñer dacordo á corporación de Pontevedra

PONTEVEDRA> A tensión marcou o pleno municipal celebrado esta mañá en Pontevedra. Foi nun debate sobre a guerra de Ucraína no que se acadou o momento álxido. PP, BNG e PSOE non foron quen de acordar unha declaración institucional de condena da invasión rusa. O desencontro radicou nun aspecto: os populares pedían un apoio explícito á OTAN, mentres que nacionalistas e socialistas consideran que a resolución do conflito debe darse no marco da ONU. Unha nova protesta de funcionarios municipais e bombeiros contribuíu a tensar o ambiente.

Imposible o acordo en Pontevedra para facer unha declaración institucional do concello contra a guerra de Ucraína. Ao pleno chegaron esta mañá dúas mocións. Por unha banda, a de BNG e PSOE, que reclama a resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE.

Pola outra, a do Partido Popular. Un documento no que, ademais de pedir a fin da guerra, reclamaban un apoio explícito á estratexia de acción da OTAN.

Durante as súas intervencións, Rafa Domínguez centrouse en interpelar aos concelleiros socialistas reclamándolles o seu apoio. Acusándoos de facer ‘seguidismo’ do BNG.

Finalmente, a moción de socialistas e nacionalistas saíu adiante cos votos a favor de todos os concelleiros, incluídos os do Partido Popular, coa excepción do edil non adscrito, Goyo Revenga, que optou pola abstención. A proposta do PP, pola súa banda, só foi apoiada polos concelleiros populares.

Ao ambiente de tensión no pleno contribuíu unha nova protesta de funcionarios municipais e bombeiros contra o goberno local, no marco do conflito laboral que manteñen aberto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí