O BNG reclama o incremento de persoal nos xulgados de Ribeira

RIBEIRA> O BNG presentou unha serie de iniciativas parlamentarias reclamando melloras para os xulgados de Ribeira. Mentres non se aprobe a cuarta unidade xudicial demandan un incremento do cadro de persoal e a mellora das instalacións actuais.

Os deputados do BNG no Parlamento, Rosana Pérez e Iago Tabarés visitaron os xulgados de Ribeira para coñecer de primeira man as necesidades destas instalacións que prestan servizo a todo o partido xudicial do Barbanza. Os nacionalistas constataron a urxente necesidade de dotar á comarca dun cuarto xulgado tal e como constatan os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial segundo os que os asuntos pendentes de resolución superan sobradamente a barreira dos mil tanto no sector civil como no penal.

Entre esas necesidades, que veñen de ser recollidas polo BNG en forma de iniciativa parlamentaria, destacan o incremento do cadro de persoal para atallar o colapso no partido xudicial e a reestruturación dos espazos co acondicionamento dunha sala para a toma de declaración e outro para as vítimas de violencia de xénero.

Dende o BNG agardan que se executen estas melloras á espera de poder contar con este cuarto xulgado reclamado non só polo colectivos de avogados, xuíces e funcionarios senón tamén pola propia sala de goberno do Tribunal de Xustiza de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí