PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra vestiuse onte de gala para poñer en valor o traballo dos colectivos veciñais da provincia. Máis de 700 persoas asistiron á cita, coa que o goberno queixo ilustrar o apoio a este tecido asociativo pontevedrés. A primeira Gala Provincia Comunitaria serviu tamén para facer balance dos resultados dos programas Máis Aqua, Máis Novaqua e Provincia Comunitaria.
As dúas convocatorias do Plan Provincia Comunitaria, deseñado para promover actuacións de mellora de locais sociais ou a adquisición de equipamentos, supuxeron un investimento de 3,8 millóns de euros para atender a 402 colectivos veciñais. Os dous plans Máis Aqua aprobados, pensados para financiar melloras nos sistemas de captación, abastecemento e control das comunidades de usuarios de auga, repartiron un total de 4,1 millóns de euros entre 439 entidades; e o Máis Novaqua, para a regularización de traídas de auga, serviu para atender 70 solicitudes por valor de 340.000 euros. O presidente Luis López presentou o movemento veciñal como motor de cohesión e equilibrio territorial e ferramenta para facer fronte ao reto demográfico.
Pola súa banda, o deputado adiantou que de cara ao 2026 os orzamentos iniciais destinados a estes plans incrementaranse nun 20%, ata os 1,4 millóns de euros para o Máis Aqua e o Provincia Comunitaria e 360.000 para o Máis Novaqua.











