BOIRO> O concello de Boiro busca o apoio da Deputación para a promoción de actividades culturais no Pazo de Goiáns. Entre o programa anual que se desenvolve nas instalacións destaca a Romaría das Letras e o Mes da Danza.
O alcalde de Boiro e a concelleira de Cultura mantiveron unha xuntanza coas deputadas provinciais Natividad González e Soledad Agra para presentarlles o programa cultural que desenvolve o concello no Pazo de Goiáns ó longo do ano. O obxectivo é buscar liñas de colaboración que permitan o financiamento dalgunhas das actividades en favor da dinamización cultural e turística de toda a comarca.
Destacan entre as propostas que leva a cabo o concello as visitas teatralizadas, a romaría das letras ou o Mes da Danza que se puxo en marcha este ano con grande éxito.
O concello busca así poñer en valor unha das xoias do seu patrimonio converténdoa en referente cultural do Barbanza.











