POIO> Poio puxo o broche de ouro á segunda edición do certame TapeaPoio 2025. Fíxoo cunha Gala de Hostalería, na que rendeu a súa particular homenaxe ao sector turístico e gastronómico da localidade. Batea Escabechada, do restaurante Evoca, e A Gula do Xabaril, de Casa Ces, foron os premiados polo xurado. O público coincidiu ao escoller na categoría de tapa creativa A Gula do Xabaril. Na tradicional a máis votada foi Filloa de Mar, tamén de Casa Ces.
Batea Escabechada, do Restaurante Evoca, e A Gula do Xabaril de Casa Ces como gañadoras do xurado, e Filloa de Mar de Casa Ces e unha vez máis A Gula do Xabaril, como as máis votadas polo público, foron as propostas vencedoras da segunda edición do TapeaPoio na que se degustaron máis de 5.000 tapas.
Os premios entregáronse no marco da segunda Gala da Hostalería de Poio, unha auténtica festa para honrar ao sector turístico e gastronómico da localidade. Tamén para reivindicar o seu papel como un dos grandes referentes culinarios das Rías Baixas.
Durante a cita tamén se sortearon máis de 40 premios entre as persoas que degustaron e valoraron as distintas tapas. Foron máis de 7.500 euros en galardóns a clientes e restauradores, aportados por empresas e colectivos do municipio.
Nesta edición do TapeaPoio o xurado experto estivo,formado polos chefs con Estrela Michelín Xosé Cannas do Restaurante Pepe Vieira e Pepe Solla de Restaurante Casa Solla, a empresaria e consultora gastronómica Marga Pazos e o influencer culinario e de viaxes Alberto Rivas.











