Cambados renova a sinalización horizontal en máis dunha trintena de rúas do centro urbano

CAMBADOS> O Concello de Cambados está a renova-la sinalización horizontal en máis dunha trintena de rúas do centro urbano. En total, vanse repintar un cento de pasos de peóns, ademais de stops ou cedas. Esta primeira fase ten un investimento que supera os 17.000 euros. Dende o goberno local xa avanzan  unha segunda no resto de vías de titularidade municipal.

Aproveitando os días solleiros, Cambados ponse mans á obra. O Concello está a levar a cabo un plan de posta a punto da sinalización horizontal das vías de titularidade municipal. Os traballos buscan reforza-la seguridade viaria e, en especial, dos peóns.

Esta primeira fase conta cun orzamento de 17.000 euros. Afecta a 35 rúas do casco urbano, con máis dun cento de pasos de peóns repintados. Quedan elementos secundarios por repintar, así como outras moitas rúas de titularidade municipal, que terán que agardar para unha segunda fase.

Ademais, o alcalde xa solicitou tamén á Consellería de Infraestruturas o repintado nas estradas de titularidade autonómica, petición que foi atendida para executala de cara ao verán. Agora o goberno local remitirá a mesma demanda a Portos de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí