Estudantes búlgaros coñecen A Pobra no marco do programa Erasmus +

A POBRA> Unha delegación de estudantes búlgaros visitou esta semana o concello da Pobra no marco dun intercambio europeo co instituto pobrense. Os alumnos tiveron ocasión de achegarse á nosa cultura a través das numerosas actividades organizadas como, por exemplo, unha xornada de marisqueo, a visita ó club de remo ou o percorrido polas instalacións do museo Valle-Inclán.

O programa europeo Erasmus Plus brindou ós institutos da Pobra e o instituto de idiomas de Lovech de Bulgaria a oportunidade de compartir experiencias a través dun programa de intercambio.

Os primeiros en desprazarse foron os estudantes búlgaros que pasaron a semana aloxados nas casas dos alumnos pobrenses.

O programa de actividades rematou esta mañá coa recepción no museo Valle-Inclán por parte do alcalde.

Pero esta experiencia de intercambio non remata aquí posto que agora serán os alumnos pobrenses os que visiten Bulgaria para empaparse da súa cultura a través destes programas que buscan mellorar a formación do estudantado a través da riqueza multicultural.