O PSOE aposta por implantar un grao en Lingua de Signos no campus de Pontevedra da UVigo

PONTEVEDRA> O PSOE de Pontevedra aposta por implantar un Grao Universitario en Lingua de Signos no campus pontevedrés da Universidade de Vigo. A formación explica que dende o 2014 esta titulación só se imparte nunha única universidade en toda España: a Rey Juan Carlos de Madrid. Para dar forza á súa reclamación, os socialistas levarana ao vindeiro pleno municipal en forma de moción.

Dende o 2014, as persoas que se queren formar como intérpretes en lingua de signos teñen que marchar fóra de Galicia. Ata ese ano, na Coruña impartíase unha FP de técnico superior en Interpretación e Guíainterpretación de Lingua de Signos pero dende que se converteu nun grao universitario só se oferta nunha universidade española: a Rey Juan Carlos, en Madrid.

Agora o Partido Socialista de Pontevedra aposta por implantar esta titulación no campus pontevedrés da Universidade de Vigo. Sería a primeira deste tipo en Galicia.

Para avanzar na súa reclamación, levarana ao vindeiro pleno municipal en forma de moción. Facendo tamén fincapé en que deste xeito se xeraría un espazo docente e investigador oficial no que estudar, difundir e potenciar a lingua de signos galega.

Polo de momento, o BNG e o Partido Popular optaron pola abstención na comisión informativa previa.