Alcaldes de BNG e PSOE reclaman que o presidente da Xunta asista á reunión convocada por Sanidade

PONTEVEDRA> Fronte común de BNG e Partido Socialista para reclamar solucións aos problemas da sanidade pública na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Unha trintena de representantes dos concellos do distrito pontevedrés acudiron á convocatoria feita polo alcalde capitalino. Entre todos elaboraron un manifesto no que denuncian o risco para a saúde que supón a situación actual. Tamén reclaman que na reunión convocada pola Consellería de Sanidade para a vindeira semana estea presente o presidente da Xunta.

Representantes políticos dos vinte concellos do distrito de Pontevedra da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reclaman á consellería de Sanidade medidas urxentes para solucionar os problemas da sanidade pública. O cumio convocado polo alcalde capitalino rematou cun manifesto dirixido a Julio García Comesaña.

Ao cumio non asistiron voceiros nin alcaldes do Partido Popular. Si o fixeron representantes doutras formacións das corporacións municipais, así como nove alcaldes do BNG e do Partido Socialista.

O alcalde de Pote Caldelas interveu en nome dos rexedores socialistas. Andrés Díaz puxo voz a unha das reclamacións que se recollen no manifesto: que o presidente da Xunta participe na reunión convocada polo conselleiro de Sanidade para o vindeiro 26 de xaneiro.

Os alcaldes confirmaron tamén que os seus concellos estarán nesta reunión convocada por Julio García Comesaña. Ademais, anunciaron o seu apoio á manifestación que a plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada para o vindeiro 12 de febreiro en Santiago.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí