A rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra comezará a finais de 2025

PONTEVEDRA> As obras de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra poderían iniciarse a finais do 2025. Así o anunciou hoxe o vicepresidente da Deputación de Pontevedra. Rafa Domínguez presentou tamén outros dos detalles do proxecto para a consolidación, restauración e interconexión dos dous inmobles, que levan pechados ao público 11 anos. A intención é construír un paso soterrado de 500 metros cadrados que una o Castro Monteagudo e o García Flórez.

A Deputación de Pontevedra ultima a proposta para a consolidación, restauración e inteconexión dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez, coñecidos como os edificios centrais do Museo de Pontevedra.

O proxecto mantén a conexión soterrada dos dous edificios. Así, construirase un paso de 500 metros cadrados que os una, en lugar do de 2000 metros cadrados proxectado inicialmente.

Atendendo á suxestión de Patrimonio, os edificios recuperarán a cor branca das fachadas co encalado exterior. A entrada e saída aos inmobles farase polo mesmo punto, deseñando un percorrido circular. Tamén se integrarán os xardíns do García Flórez, favorecendo o seu uso.

Segundo os cálculos da Deputación, as obras poderían comezar a finais de 2025. Data que podería comprometer os fondos europeos concedidos para o proxecto, cun prazo que remata en marzo de 2026.

O proxecto contempla tamén a recuperación da recreación do camarote de Méndez Núñez e a creación dunha tenda de venda de obxectos relacionados coas obras de arte do Museo.