Barbanza Arousa pon en valor a calidade dos seus servizos turísticos

RIANXO> O auditorio de Rianxo acollía na noite de onte a terceira edición da Gala de Turismo da mancomunidade Barbanza Arousa.

O acto, ó que asistiron numerosas autoridades, entre as que se atopaban o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles ou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, serviu de recoñecemento e posta en valor do sector turístico na comarca, destacando a importante labor que fai a Mancomunidade para converter á zona nun destino turístico de calidade, moderno e sostible.

Aproveitouse o acto, ó que asistiron tamén os alcaldes e concelleiros dos catro concellos que integran Barbanza Arousa, así como tamén o Subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Cluster de Turismos de Galicia, Cesáreo Pardal, para facer entrega a 69 empresas e servizos turísticos da zona, 22 delas por primeira vez, dos distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, SICTED,  selo de calidade que outorga a Secretaría de Estado de Turismo.