SANXENXO> A familia do médico coruñés falecido o Venres Santo na Praia de Silgar, en Sanxenxo, tras ser atropelado por unha lancha quere que a súa morte non sexa en van. Demandan que se tomen medidas nos areais para evitar que episodios tráxicos coma este se repitan. Ademais, fan un chamamento á cidadanía para reunir calquera proba que permita botar luz sobre o ocorrido.
Unha semana despois do falecemento de Juan Tábara, golpeado por unha lancha mentres nadaba na Praia de Silgar, a familia aínda está a procesar o sucedido.
Non saben cal é a velocidade exacta á que navegaba a lancha de competición. Pero si confían en que o equipamento da embarcación xa achegara esta información á Garda Civil. Do que non teñen dúbidas é de que o seu irmán e o seu amigo nadaban dentro da zona de baño.
Por iso néganse a considerar que o que sucedeu o Venres Santo en Silgar fora un accidente.
A día de hoxe a familia de Juan Tábara xa presentou denuncia. Ademais, fai un chamamento á cidadanía para recompilar calquera vídeo ou testemuña que poidan botar luz sobre o ocorrido no mail porunsanxenxoseguro@gmail.com
O seu obxectivo é que a morte do seu irmán non sexa en van e que sirva para evitar que episodios coma este se repitan.
O veciño de Sanxenxo que está a ser investigado polo atropelo mortal do oftalmólogo coruñés foi detido o pasado mércores pola Garda Civil. Negouse a declarar ante os axentes e foi posto en liberdade, pendente agora de ser citado polo xulgado de Cambados, encargado do caso. A familia confía en que a investigación se faga de xeito minucioso e se depuren responsabilidades.