PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra propón suavizar as restricións para facer obras no casco histórico. Para Rafa Domínguez, o plan que regula estas cuestións, o Peprica, é demasiado restritivo, impedindo en ocasións que se leven adiante proxectos nesta zona. O voceiro popular propón estudar a súa modificación nunha moción que o PP levará ao vindeiro pleno, incluíndo outras medidas para reactivar, aseguran, a zona vella pontevedresa.
A reactivación da zona vella de Pontevedra será unha das cuestións que o Partido Popular levará ao vindeiro pleno municipal.
A formación presentará unha moción con medidas para conseguir este obxectivo. Unha das propostas pasar por estudar a revisión do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística, o Peprica. Para os populares é demasiado restritivo.
Reforzar o persoal para o estudo das licenzas do casco histórico para acurtar tempos e a creación dunha liña de axudas municipais para a rehabilitación de vivendas son outras das medidas.
Domínguez puxo tamén o foco sobre a seguridade. Aposta por reforzar a presenza da Policía Local para evitar altercados. Ademais, reclama que se endurezan as multas contras os que fagan pintadas no casco histórico.
Para evitar as pintadas, o voceiro popular defende a creación de espazos legais para realizar grafitis e dunha unidade de limpeza municipal específica para eliminalos.
Outro dos puntos da moción pasa por dinamizar a praza de abastos, especialmente o espazo gastronómico do primeiro andar.