Unha vintena de detidos nunha nova operación contra o narcotráfico con epicentro no Salnés

VILANOVA> Máis dunha vintena de persoas detidas no marco dunha nova operación contra o narcotráfico na provincia de Pontevedra e Portugal. O grupo dedicábase á fabricación de narcolanchas. O dispositivo estase levando a cabo nos concellos de Vilanova, Cambados, O Grove, A Illa, Caldas e Barro, entre outras localidades. Nestes municipios, houbo ata tres rexistros en naves e oito en domicilios. Ademais, houbo rexistristros en tres naves de Portugal.

Este home é un dos detidos no marco dunha nova operación antidroga con epicentro na provincia de Pontevedra. O seu arresto producíase en Vilanova contra o mediodía. Este novo dispositivo deixa máis dunha vintena de persoas detidas. Presuntamente, pertencían a un grupo criminal que se dedicaba á fabricación de narcolanchas e ao tráfico de substancias estupefacientes. Polo tanto, están acusados dun delito de contrabando e outro contra a saúde pública. Ademais, tamén están sendo investigadas por pertenza a grupo criminal.

O operativo desenvolveuse ao longo desta xornada nos concellos de Vilanova, Cambados, O Grove, A Illa, Caldas e Barro, entre outras localidades da provincia de Pontevedra. Nestes puntos, houbo rexistros en oito vivendas e tres naves, como esta do polígono de Tremoedo na que se almaceban estas embarcacións que están a ver na imaxe. Tamén houbo rexistros deste tipo en Portugal, en concreto, en tres naves. Neste caso coa colaboración das forzas da orde lusas.

A operación está sendo coordinada polo Xulgado de Instrución Número 3 de Cambados. En principio está previsto que os detidos pasen alí a disposición xudicial entre este xoves e venres.

Iso si, na xornada de hoxe xa tería pasado a disposición xudicial outra persoa detida xa o sábado dentro desta mesma operación. Dende aquela permaneceu incomunicada en dependencias policiais.

Segundo as primeiras informacións esta trataríase dunha nova operación independente da levada a cabo hai uns días tamén no Salnés e que, do mesmo xeito, tamén se dedicaba á fabricación de narcolanchas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí