O apoio ao sector do mexillón divide ao Partido Popular do Salnés

VILANOVA> O apoio ao sector do mexillón divide ao partido popular do Salnés. Os candidatos de Vilanova, Vilagarcía, Cambados, A Illa e o Grove mantiveron un encontro con máis de 200 bateeiros no que esixiron á conselleira do mar que derrogue o artigo 13 e reabra todas as zonas de extracción. Ao encontro non foi invitado Telmo Martín, que criticou aos compañeiros da formación por ir en contra da consellería. Pola súa parte, Rosa Quintana, mantívose na súa postura advertindo de que o artigo é necesario para garantir o futuro do sector.

Os populares de Vilanova, Vilagarcía, O Grove, Cambados e A Illa mostran o seu apoio ao sector do mexillón. Nun encontro celebrado en Vilanova, ante máis de 200 bateeiros, os candidatos do PP lanzaron unha mensaxe clara.

Os voceiros populares esixen á Rosa Quintana que rectifique e que derrogue o artigo.

Os bateeiros esixían a dimisión da conselleira. Aínda que algún dos candidatos dubidou, finalmente non o fixeron, mantendo iso si, as súas críticas a Quintana.

A esta reunión non foi invitado Telmo Martín. Aínda así, o alcalde de Saxenxo asegurou que el non iría ao encontro mostrando o seu apoio á consellería e mandando unha mensaxe aos compañeiros críticos.

Telmo Martín refírese ás palabras da conselleira que se mantivo na mesma postura, advertindo que o decreto é necesario para garantir o futuro do sector.

A conselleira asegurou que agora mesmo non se van a abrir as zonas de extracción, unha decisión que é contraria a opinión do sector e dos candidatos do PP do Salnés. Os bateeiros defenden que a extracción do mexillón, tal e como se facía ata o de agora, non é prexudicial para o seu futuro, e que a escaseza do produto é algo circunstancial como pasou noutros anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí