PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra destinará algo máis de 2 millóns de euros á remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos, na cidade capitalina. Esta mañá, a institución provincial e o concello asinaron un novo convenio de colaboración para levar adiante este proxecto, que será financiado de xeito íntegro pola Deputación.
O concello de Pontevedra avanza no proxecto global de rehabilitación da praza de Barcelos. A actuación comezará próximamente coa reforma das vías perimetrais leste e sur.
Pronto comezará o proceso de licitación do contrato desta obra, que terá un prazo de execución de 12 meses. O proxecto redeseña toda a circulación e habilita aparcadoiros de servizos na beirarrúa contraria á dos negocios. Ademais, manterase un carril único con entrada dende a rúa Perfecto Feijóo e saída cara Cobián Roffignac.
A obra conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros. A Deputación de Pontevedra financiaraos de xeito íntegro, no marco do convenio de colaboración asinado esta mañá.
Dende o 2016, cando PSOE e BNG comezaron a gobernar a Deputación, a institución e o concello de Pontevedra asinaron xa 26 convenios de colaboración, que xa suman 18 millóns de euros.
No primeiro mandato bipartito na Deputación, foron 14 os convenios asinados por valor de 10,6 millóns de euros. Neste segundo xa son 12 os acordos, dotados con máis de 8 millóns.