Negocios afectados e garaxes asolagados: os veciños fan balance das inundacións

PONTEVEDRA> A rúa Fernando Olmedo, en Pontevedra, e a súa contorna recupéranse das inundacións que sufriu a zona na madrugada do venres para o sábado. Nese momento deuse unha coincidencia terrible para a veciñanza: a preamar coincidiu con intensas chuvias, ata os 45 litros por hora. Unha situación que provocou importantes asolagamentos. Os veciños continúan facendo balance dos estragos.

Tres días despois da tromba de auga que provocou o asolagamento da rúa Fernando Olmedo os veciños continúan facendo balance dos estragos.

Hai só tres meses que Rosaria abriu o seu negocio nesta rúa pontevedresa. Na madrugada do sábado, a auga levou por diante gran parte do seu proxecto.

Hoxe afanábase en limpar os restos de lama que aínda quedaban no seu establecemento. Tamén escollendo a moita mercadoría que quedou inservible.

Máis familiarizados con estes asolagamentos do que lles gustaría están os veciños do número 18 da rúa Casimiro Gómez.

A auga que se acumulou na zona entrou no seu garaxe provocando importantes danos. Acadou, incluso, o metro de altura.

Coas tarefas de balance e limpeza estaban tamén os veciños do número 1 da rúa Padre Martín Gaite. No seu garaxe a auga acadou os 70 centímetros de altura.

Aquí ata 21 vehículos se viron afectados polas inundacións. Hoxe a zona era un continuo bulir de guindastres, necesarios para retirar os coches danados.