O coworking da Pobra promove unha travesía do emprendemento para mulleres

A POBRA> Un grupo de 20 mulleres surcarán a ría de Arousa nunha orixinal travesía impulsado polo coworking da Pobra. O obxectivo é visibilizar e poñer en común o proceso que implica o emprendemento.

Co obxectivo de seguir a xerar redes e sinerxias entre emprendendores, o coworking da Pobra porá en marcha unha iniciativa do máis innovadora. Trátase da travesía do emprendemento, na que un grupo de mulleres realizarán un percorrido pola ría analizando as similitudes entre a navegación e o proceso de creación dunha empresa, dende a perspectiva de xénero.

Será mañá a partir das seis da tarde cando tres embarcacións da empresa Lendas da Curota partan do porto da Pobra. Trala travesía recalarán no chiringuito do Xobre onde terán lugar  actividades de cohesión de grupoe un taller de xestión emocional a cargo de Nancy Silva.

Esta travesía pretende marcar o inicio dun camiño duradeiro para que as emprendedoras dispoñan de espazos comúns nos que seguir tecendo redes, deslocalizando as actividades do propio coworking e aproveitando os recursos que ofrecen as máis de 30 empresas con que conta na actualidade.