BARBANZA> Un vertido de pellets de plástico mantén en alerta a varios concellos da costa do Barbanza e Muros-Noia. Diversos areais e zonas de cantís en Ribeira, Porto do Son e Muros apareceron cubertos por este material que implica un alto risco de contaminación.
A pasada semana o colectivo Noia Limpa daba a voz de alarma ante a masiva chegada de pellets de plástico ó litoral do Barbanza e Muros-Noia. Algunhas praias como as de Seráns e as Furnas, no Son, ou Espiñeirido e Balieiros en Ribeira apareceron cubertas por un manto branco deste material moi contaminante. Trátase de pequenas boliñas de microplástico que se utilizan para a elaboración doutros produtos de plástico, cun alto risco para a biodiversidade. Destaca ademais a dificultade que implica a súa retirada posto que o seu reducido tamaño, similar ó dunha lentella, facilita que se mesturen coa area.
Ó parecer, o vertido provén dun barco que perdeu a carga que transportaba propiedade dunha empresa con sede en Polonia que xa manifestou a súa intención de asumir as tarefas de limpeza, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia. Sen embargo, ata o momento son os concellos e os grupos devoluntarios os que traballan na retirada do material que continúa a estenderse sen control e nos últimos días xa alcanzou tamén a costa de Muros.











