BOIRO> Preservar este espazo de gran valor paisaxístico e mediambiental na zona do monte Chazo é o principal obxectivo deste grupo de veciños que se opoñen á construción dun cámping nese lugar, pertencente a terreos da Comunidade de Montes de Abanqueiro.
Entenden que de levalo adiante impediríalles poder disfrutar dun entorno privilexiado, que con tanto esforzo protexeron varias xeracións de veciños da parroquia.
Afirman que non se opoñen ó proxecto, pero si ó seu emprazamento. Segundo eles existen outras zonas en terreos da Comunidade máis propicias para construír este tipo de aloxamentos turísticos e tamén menos lesivas para o entorno.
Os veciños tamén critican o escurantismo existente ó redor do proxecto e a operación de cesión dos terreos por parte da Comunidade á empresa promotora por un período de 20 anos.
Din que levarán a súa protesta ata as últimas consecuencias. Levan recollidas preto de tres mil sinaturas e teñen convocada para o 1 de xullo unha concentración no propio lugar onde se pretende levantar o cámping, ás sete e media da tarde, á que convidan a toda a veciñanza a asistir.