GALICIA> As eleccións xerais tradúcense en Galicia na primeira gran remodelación da Xunta dende a marcha de Feijóo a Madrid hai agora 13 meses.
Alfonso Rueda tivo que acometer unha remodelación do seu gabinete forzado, precisamente, polo expresidente da Xunta.
Alberto Núñez Feijóo inclúe nas listas para o 23 de xullo a o ata o momento vicepresidente primeiro do executivo galego e responsable de Economía e Industria, Francisco Conde. Vai de número 1 ao Congreso por Lugo.
Tamén sae do executivo Rosa Quintana, responsable de Mar. Era a única conselleira que, canda a Rueda, se mantiña no executivo dende que Feijóo chegou á Xunta no 2009. Agora vai de dous por Ourense.
Con estas saídas, prodúcese o ascenso de Diego Calvo, que pasa de vicepresidente segundo a primeiro, mantendo tamén as áreas de presidencia, xustiza e deportes.
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa á fronte dese departamento, asumindo agora tamén a vicepresidencia segunda. É a primeira vez na historia da Xunta que unha muller asume unha vicepresidencia.
María Jesús Lorenzana pasa a se-la Conselleira de Economía, Industria e Innovación. A consellería que xestionaba ela ata o momento, Promoción do Emprego e Igualdade, asúmea Elena Rivo.
A outra cara nova do executivo é Alfonso Villares, como novo responsable de Mar.
As listas do PP para o Congreso complétanse con Miguel Tellado de número un pola Coruña, mentres que Ana Pastor volve encabeza-la candidatura por Pontevedra.
No Senado, as listas do PP inclúen varios rostros coñecidos da nosa contorna. Entre elas, a do alcalde en funcións de Ribeira, Manuel Ruíz, que vai de número 3 pola Coruña. Esta operación busca facilitar un pacto no municipio co PBBI, escindidos do Partido Popular. Aínda que a alcaldía é compatible cun cargo no Senado, a marcha de Ruiz Rivas tenta desbloquear un achegamento aos disidentes independentes das propias filas populares.
Na provincia de Pontevedra a número 1 ao Senado é Pepa Pardo, concelleira en Pontevedra.