Noia avanza na tramitación para construír o futuro centro de saúde

NOIA> O concello de Noia agarda poñer en servizo o futuro centro de saúde da localidade en 2025. Trala adquisición dos terreos na zona de San Lázaro vén de asinar o pre-convenio coa Xunta para a súa posta a disposición.

O concello de Noia segue a dar pasos firmes cara a construción do futuro centro de saúde da localidade. Tras meses de complexas xestións para a adquisición dos terreos xa dispón dunha parcela de 1600 cadrados de superficie en planta no que se poderá incluír un inmoble de máis de catro mil metros cadrados distribuídos en varias alturas.

Paralelamente o concello desenvolveu tamén unha serie de xestións para dispoñer de terreos destinados á zona de estacionamento deste centro que mellorará a calidade asistencial dos veciños de Noia e prestará servizo de urxencias no PAC a catro concellos.

Unha vez que a Xunta avance na redacción do convenio formalizarase a posta a disposición dos terreos para poder licitar a redacción do proxecto construtivo. A previsión do executivo é que as obras de construción poidan iniciarse en 2023 co obxectivo de entrar en servizo en 2025.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí