30 comercios participan este sábado na X Pink Fashion Noia

NOIA> Noia Histórica celebrará este sábado a décima edición da Pink Fashion. Trátase dunha campaña comercial na que participarán 30 establecementos que ofrecerán descontos do 20 por cento. Ampliarase o horario comercial ata as nove e media da noite e haberá actividades complementarias durante toda a xornada.

A nova presidenta de Noia Histórica presentou esta mañá o seu primeiro evento á fronte da entidade. A Pink Fashion que se desenvolverá este sábado busca dinamizar o comercio da vila cunha xornada na que os descontos e as actividades de lecer atraerán a numerosos compradores.

Os clientes que realicen as súas compras nalgún dos trinta comercios participantes poderán canxear os seus tickets de compra por xeados nun carriño que estará instalado na praza do Cantón.

Dende o concello e Noia Histórica confían en repetir o éxito que cada ano ten esta campaña que este ano celebra o seu décimo aniversario.