Unha Orbil Parade de temática musical recórdanos que o Salón do Libro arranca este venres

PONTEVEDRA> Este venres arranca o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e pola cidade xa hai repartidas varias estatuas de Orbil, a mascota da cita, que nolo recordan. A Orbil Parade colle forma esta edición de xogo musical, animando á mocidade a localizar as distintas figuras a través dunhas viñetas do ilustrador Kiko da Silva que relacionan títulos de cancións con espazos da cidade. Un destes Orbils xa se pode ver na Praza do Teucro.

Sete figuras de Orbil, a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, repartidas por toda a cidade recórdannos que a cita está a piques de empezar. Será este venres, 6 de marzo.

As figuras están despregadas na Praza do Teucro, na da Cítara, na de Concepción Arenal, na Praza de San Xosé, en Barcelos, na Praza 8 de Marzo e no Pazo da Cultura. Unha Orbil Parade que este ano, ao igual que o Salón, ten temática musical.

Así a música estará moi presente nas máis de 300 actividades que dan forma á programación do Salón do Libro. Tamén Palestina, que este ano é o país convidado.

Xa este mércores o Salón do Libro comezará abrir boca co festival de Pallasos en Rebeldía. Celebrarase no Teatro Principal e contará con Leti da Taberna, o mago Teto e De Ninghures. Todo o recadado destinarase á axuda do pobo palestino.