Bealo mantense fiel ó San Ramón

BOIRO> Declarada Festa de Interese Turístico, e xa con 269 anos de historia, a romaría do San Ramón de Bealo volveu ser fiel á tradición cada 31 de agosto e reuniu a miles de devotos no campo da festa.

Trátase dunha das máis antigas de Galicia, e tamén das máis multitudinarias.

O bo tempo hoxe acompañou e xa dende primeiras horas da mañá, cos primeiros oficios relixiosos, foron numerosas as persoas que quixeron disfrutar da xornada festiva, festivo local ademais en Boiro.

Pero o momento máis agardado por todos tiña lugar á unha do mediodía, coa tradicional misa solemne e posterior procesión, á que acompañou multitude de fieis, con especial significado para as embarazadas que acoden a San Ramón, intercesor das parturentas, na procura dun bo parto.

Pero á par da devoción e o espírito relixioso, a romaría ten tamén un carácter lúdico moi importante.

Así son moitas as familias que aproveitan a xornada para disfrutar dun xantar campestre e de festa, que se prolonga durante todo o día, con actuacións de grupos de música tradicional e tamén verbena ata altas horas.