As familias do Villa de Pitanxo reuniranse coas autoridades de salvamento do Canadá

PONTEVEDRA> Os familiares das vítimas do Villa de Pitanxo vanse reunir con autoridades de salvamento do Canadá. A delegación do goberno en Galicia confirmou que en vindeiras datas poderán manter ese encontro por videoconferencia. As familiar piden que se pacte a data para poder asistir e que, ademais, se dote de contido o encontro, permitíndolles enviar por adiantado unha serie de preguntas.

As familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo levaban meses reclamando este encontro, que terá lugar ‘en vindeiras datas’. A Delegación do Goberno en Galicia confirmoulles que se van poder reunir coas autoridades do centro de Salvamento de Halifax do Canadá, que participou nas manobras de rescate nos días posteriores ao afundimento da embarcación. Polo de agora descoñécese cando será, pero as familias piden que se acorde a data.

A voceira das familias tamén reivindica que se dote de contido a reunión. Piden que se poida enviar previamente unha bateria de preguntas ás autoridades canadenses para que poidan respondelas.

Explican que levan meses agardando polo encontro, polo que piden ao Goberno central que aproveite esta oportunidade para face-las cousas ben.

Por outra banda, nas últimas horas as familias das vítimas tamén amosaron o seu rexeitamento a que o Grupo Nores, a armadora do buque, se persone como prexudicada na causa xudicial. O patrón do Villa de Pitanxo, por certo, terá que declarar na Audiencia Nacional en calidade de investigado o martes da semana que vén.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí